Monday 29 de April de 2024

Os usuarios da escola infantil municipal ‘A Ceboliña’ contan cunhas instalacións máis amplas e melloradas


● Manuel Vázquez Faraldo e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, visitaron o edificio tras as obras de reforma e ampliación que finalizaron antes do inicio do curso 2023-2024.

● A actuación, que contou cun orzamento de 105.000 euros, permitiu recuperar a aula de usos múltiples, crear novas aulas e aumentar o número de prazas de 56 a 76.

Desde o inicio do curso escolar 2023-2024 os usuarios e usuarias da escola infantil municipal ‘A Ceboliña’ contan cunhas instalacións máis amplas e melloradas, tras executar o Concello un proxecto de reforma do edificio que pretendía dar resposta á demanda xerada neste servizo debido ao sostido incremento da poboación do municipio nos últimos anos.

Hoxe, sábado 2 de decembro, o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron o centro educativo para supervisar as obras acometidas, que contaron cun orzamento total de 105.179,04 euros, subvencionado con fondos europeos xestionados a través do organismo autonómico.

A actuación tiña o obxectivo de ampliar e mellorar as instalacións, aumentando as prazas para nenas e nenos de 0-3 anos de 56 a 76. Os traballos incluíron a recuperación da aula de usos múltiples e a creación de novas aulas, o que permitiu ampliar as prazas. Ademais, deixouse fóra das instalacións da escola infantil o ascensor do edificio, que non se podía usar xa que, tras unhas obras feitas no ano 2014, quedou situado dentro dunha zona de paso do alumnado.

Tamén se incluíu no proxecto a reforma e redución do espazo que ocupaban as dependencias dos servizos culturais e sociais municipais, situadas no mesmo edificio da escola infantil. Así, adaptouse este departamento ás súas necesidades de uso reais e dotado de condicións de accesibilidade necesarias, recolocando o citado ascensor, que dará servizo aos seus usuarios e usuarias.

A necesidade de ampliar as prazas da escola infantil evidénciase con este aumento da demanda, polo incremento da poboación en xeral e a infantil en particular, sumado á imposibilidade de utilizar a aula de usos múltiples do edificio que se habilitou nas obras realizadas no ano 2014 e que está pechada por non cumprir as condicións de seguridade requiridas.
Manuel Vázquez Faraldo destacou que “esta obra permitiunos ampliar a oferta de servizos de conciliación en Miño, un pobo non que a poboación medra cada mes situándose xa por riba dous 7.000 habitantes” e lembrou que “seguiremos nesta mesma liña coa construción dunha escola infantil na antiga escola unitaria en Xarío, un proxecto que nos fará chegar a 129 prazas para meniñas e nenos de 0-3 anos”.